A rede de áreas conservadas por comunidades locais

Coñece os montes vivos!

Que é a rede?

Montes vivos, a Rede de áreas conservadas por comunidades locais é un espazo de colaboración entre comunidades xestoras de territorios de propiedade colectiva comprometidas coa conservación da biodiversidade. A súa misión é fortalecer o papel das comunidades locais como protagonistas da conservación da natureza a través do intercambio de coñecementos, a aprendizaxe mutua, o apoio recíproco e o impulso de iniciativas conxuntas, contribuíndo ao recoñecemento social e institucional da conservación comunitaria e á promoción de paisaxes máis resilientes, diversas e sostibles.

Queres saber máis?

Atlas de Montes Vivos

A nosa visión

Construír un futuro no que a conservación comunitaria forme parte central das políticas e das prácticas de conservación da natureza, cunha rede de comunidades locais conectadas, activas e recoñecidas polo seu liderado na protección da biodiversidade, na resiliencia das paisaxes e na transmisión dos coñecementos e valores asociados á xestión colectiva do territorio.

A REDE EN CIFRAS

Na Galiza existen arredor de 700.000 hectáreas de montes veciñais en man común, que representan o 22 % do territorio e albergan case o 30 % dos hábitats naturais de interese prioritario. O feito de que unha parte tan significativa deste patrimonio natural chegase ata hoxe en bo estado de conservación, ou estea a ser restaurado tras incendios e outras perturbacións, é froito da xestión colectiva desenvolvida ao longo do tempo por máis de 115.000 casas comuneiras, cuxo compromiso segue a ser esencial para a conservación da biodiversidade e a resiliencia das paisaxes galegas.

0 comunidades
0 hectáreas

Participa

Se a vosa comunidade comparte o compromiso coa conservación da biodiversidade e cre no valor da xestión colectiva do territorio, convidámosvos a formar parte de Montes vivos. Unirse á Rede significa participar nun espazo de intercambio de experiencias, aprendizaxe mutua e apoio entre iguais, contribuíndo a fortalecer a conservación comunitaria e a facer máis visible o papel das comunidades locais na protección do noso patrimonio natural. Cada nova comunidade achega coñecementos, perspectivas e capacidades que enriquecen o conxunto e reforzan a nosa voz colectiva. A adhesión e participación na rede é gratuíta e a título colectivo de cada comunidade. Esta debe ser acordada polo órgano correspondente a través dos procesos que correspondan, do mesmo xeito ca as persoas que as representen. Contacta connosco e únete á rede.

Participa aquí